GL | CAS | EN

Sobre nós

O núcleo do grupo de investigación Food and Health Omics está integrado por catro Profesoras Titulares da Universidade de Vigo que desempeñamos a nosa labor investigadora na Facultade de Ciencias do Campus de Ourense. Vimos traballando conxuntamente dende o ano 2008 e no ano 2021 decidimos constituírnos como novo grupo de investigación dentro da Universidade de Vigo. Dende o ano 2022 somos grupo de Referencia Competitiva recoñecido pola Xunta de Galicia.

O grupo viuse reforzado coa incorporación de catro investigadoras postdoutorais, un investigador predoutoral e un técnico de laboratorio. A incorporación deste novo persoal permitiu afianzar as liñas de investigación existentes e abrir outras novas relacionadas cos ámbitos de traballo do grupo.

As fortalezas da actividade investigadora do noso grupo, Food and Health Omics (CF1), reflíctense claramente nos nosos indicadores. Estas fortalezas, así como as competencias adquiridas ao longo da carreira investigadora de cada unha das integrantes serven como aval científico das capacidades do grupo.

Misión

Xerar e promover unha actividade investigadora de excelencia no ámbito agro-alimentario e as súas posibles repercusións na saúde dos consumidores. Nesta actividade investigadora integraranse de forma conxunta diferentes técnicas ómicas (endo- e exo-metabolómica, proteómica e transcriptómica) para que o coñecemento xerado sexa un coñecemento especializado que permita identificar os metabolitos, as proteínas e os xenes que participan nas rutas metabólicas involucradas nos cambios observados.

Visión

Situar ao grupo de investigación CF1 como un referente a nivel nacional (a curto-medio prazo) e internacional (a medio-longo prazo) especializado en temáticas relacionadas co sector agro-alimentario: Sostibilidade Ambiental, Calidade Alimentaria e Saúde.

Para iso plantexámonos os seguintes obxectivos estratéxicos que están estreitamente aliñados con varios dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) das Nacións Unidas:

  • Obxectivo 1. Xerar un coñecemento especializado na protección do medioambiente, en materia de uso sostible dos produtos fitosanitarios e abonos orgánicos (esterco e xurros) mediante a aplicación de prácticas agrícolas que aseguren a sostibilidade da produción agraria e garantan a conservación dos recursos hídricos.
  • Obxectivo 2. Xerar un coñecemento especializado na produción de alimentos seguros e de calidade diferenciada.
  • Obxectivo 3. Xerar un coñecemento especializado na identificación de biomarcadores tanto de efectos positivos na saúde dos consumidores asociados á inxesta de alimentos funcionais (saúde e benestar) como de efectos negativos na saúde relacionados coa exposición a distintos contaminantes (saúde pública).
  • Obxectivo 4. Comunicar e difundir o coñecemento xerado co fin de alcanzar unha ciencia máis aberta, transparente, inclusiva e colaborativa que contribúa a fomentar as vocación actitudes e aptitudes científicas e innovadoras entre as mulleres e reducir a brecha existente entre o ámbito científico e a sociedade.