A actividade investigadora do Grupo Food and Health Omics (CF1) susténtase en tres alicerces (Sostibilidade Ambiental, Calidade Alimentaria e Saúde) cun denominador común que é o uso de distintas técnicas ómicas (metabolómica, proteómica, transcriptómica) como ferramenta imprescindible para entender os mecanismos moleculares subxacentes que presentan os alimentos tras os distintos efectos a estudar.
A súa vez, cada alicerce subdivídese en varias liñas de investigación diferenciadas, tal e como se especifica a continuación:
Sostibilidade Ambiental
Estudo da distribución e bioacumulación de contaminantes orgánicos (tanto emerxentes como persistentes) nas primeiras etapas da produción primaria de alimentos.
Avaliación do uso de refugallos animais (esterco e xurros) como fertilizantes naturais dende a perspectiva da economía circular. Testando o efecto de diferentes tratamentos físico-químicos e microbiolóxicos sobre a súa carga contaminante e o efecto da súa aplicación posterior sobre os solos de cultivo, as augas subterráneas e superficiais e os produtos agro-alimentarios obtidos.
Calidade Alimentaria
Estudo dos mecanismos moleculares que modulan a resposta da microbiota fermentativa dos viños (tanto lévedos como bacterias lácticas) á presenza de residuos de produtos fitosanitarios (sustancias activas e adxuvantes) no mosto. Avaliación da súa repercusión nos parámetros enolóxicos e na calidade sensorial dos viños obtidos (aroma e cor).
Estudo dos mecanismos químicos, encimáticos e microbiolóxicos involucrados na xeración e posterior evolución do aroma durante o procesado tecnolóxico de diversas matrices alimentarias (con especial énfase en produtos de orixe vexetal: viño e aceite), así como na súa estabilidade incluíndo o desenvolvemento de estratexias para minimizar os off-flavours.
Caracterización química e funcional de diversas materias primas (uvas, olivas, fresas, pistachos, meles, etc.) e produtos agro-alimentarios (principalmente viño e aceite).
Saúde
Identificación de biomarcadores de contaminación ambiental en mostras biolóxicas procedentes de diversos sectores de poboación altamente vulnerable (mulleres embarazadas, bebes, etc.) así como de especies cinexéticas, animais de compañía e aves.
Identificación de biomarcadores de efectos positivos sobre a saúde dunha poboación con diabetes mellitus Tipo 2 trala suplementación da dieta con aceite de oliva virxe obtido con variedades autóctonas galegas mediante á realización de ensaios clínicos aleatorizados.
Estudos de bioaccesibilidade, biodispoñibilidade e bioactividade (antioxidante, antidiabética, antihipertensiva, neurodexenerativa, etc.) de alimentos funcionais mediante o uso de modelos estáticos e dinámicos de dixestión gastrointestinal in vitro.
Usamos cookies para asegurar que te damos la mejor experiencia en nuestra web. Si continúas usando este sitio, asumiremos que estás de acuerdo con ello.Aceptar